27 de dec. de 2017

TARXETAS DE NADAL ANIMADAS


Este trimestre os alumnos de 4º ESO A, guiados polo seu profesor de TICs, realizaron simpáticas tarxetas de Nadal animadas en PowerPoint.




Postais Nadal en galego from DANIEL GARCIA CANCIO on Vimeo.

21 de dec. de 2017

SE É AMOR, NON DOE


Cando marchaches, chorei, chorei por min. Abríchesme os ollos ó mesmo tempo que abriches unha brecha ao carón dos meus beizos. E sangrei, sangrei bágoas de dor, de rabia, de mentira.
 Chorei por min, pola miña nai, polas miñas amigas. Chorei por tódalas mulleres que, coma min, viven un conto de fadas podre. Chora ti tamén comigo. Non quedes calada. Se é amor, non doe!

Esta é a terceira curtametraxe sobre a violencia de xénero realizada por alumnas de 2º de bacharelato durante este trimestre:


19 de dec. de 2017

GAÑADORES DO CONCURSO "GUÍA DE VIAXE POLO TEU POBO"

Os gañadores do concurso "Guía de viaxe do teu pobo" son:

1º premio: Lucía Gónzalez Álvarez de 2º BAC B  con "Vilardevós"


Para consultar a guía preme na seguinte LIGAZÓN

2º premio: Teresa Castro Cid de 1º BAC A  con "Silleda"
Para consultar a guía preme na seguinte LIGAZÓN


3º premio: Claudia Dobarrio Meno de 1º BAC A con "Vilaza"
Para consultar a guía preme na seguinte LIGAZÓN

Accésit: Carlos Rodríguez Jiménez  de 2º BAC B con "Verín".
Para consultar a guía preme na seguinte LIGAZÓN

"SABELA". O MALTRATO DUNHA MULLER VISTO POLA SÚA FILLA E POLA SÚA NAI.


Esta curtametraxe titulada "Sabela" foi realizada por cinco alumnas e un alumno de segundo de bacharelato atendendo como tema principal o maltrato físico que sofre unha muller por parte do seu marido. Neste caso quixemos centrar a historia dende a visión dunha nena pequena e tratar algúns dos aspectos do machismo utilizando personaxes coma a avoa. 

Sara Portela Ruiz. 2º BAC B.

GAÑADORES DO CONCURSO "TARXETAS DE NADAL"

Os gañadores do concurso tarxetas do Nadal son:

1º premio: Alba Sanín Rodríguez. 2º BAC B.
2º premio: Leticia Lozano Meiriño. 2º BAC A.
3º premio: Miriam Cerdeiriña Cid. 4º ESO B.

17 de dec. de 2017

GAÑADORES DO CONCURSO "AS CORES DO OUTONO"

Os gañadores do concurso "As cores do outono" son:

1º premio da modalidade"Follas":
Agustín Gallego Gómez. 1º BAC A
Todos caemos algunha vez, o importante é levantarse e seguir camiño.


1º premio da modalidade "Cogumelos":
Francisco Fernández Rodríguez. 3º ESO A
Cogumelos no lugar máis inesperado:

Nun ano máis ben escaso no que a cogumelos se refire, é estraño atopar na túa leira estas "orellanas" (Pleurotus ostreatus) apegadas a un tocón vello. Porque, ás veces, o que andas a buscar, telo na túa propia casa.


1º premio da modalidade "Paisaxes"
Carlos Rodríguez Jiménez. 2º BAC B
Gran espello da calma da férrea natureza,
dous bicos atrapados no gris prata do tempo,
gran espello marchito,  mostras  a xemelga,
es ainda gran beleza nese flotar incerto.

Alongada e corrente, pero non por ser mesta ,
¿es a muller castaña paseando no río?
Mirase nese espello e moi triste contesta

“¡Qué belos, qué dourados, pero agora están fríos!


13 de dec. de 2017

CAMPAÑA NADAL SOLIDARIO

O 29 novembro púxose en marcha no noso centro a campaña "Nadal Solidario", de recollida de todo tipo de alimentos non perecedoiros e xoguetes, que serán doados  a Cáritas Verín para o seu reparto.




Ata o día 21 de decembro podedes seguir depositando alimentos e xoguetes na entrada do instituto, ao lado de conserxería. Sinalade no gráfico a cantidade de produtos que depositades para  realizar un seguimento do avance da recollida.
Moitas grazas pola vosa colaboración.

1 de dec. de 2017

RUTAS CIENTÍFICAS, ARTÍSTICAS E LITERARIAS 2017

 O  día 29 de novembro,  saíron de Verín vinte alumnos de 2º de bacharelato do IES Xesús Taboada Chivite, acompañados das profesoras Mª Jose Prada e Nuria Trigueros, rumbo a Madrid e Castela-A Mancha para participar nas "Rutas artísticas, científicas e literarias 2017" durante unha semana. Unha das alumnas participantes: Lucía González Álvarez, cóntanos en forma de diario a súa experiencia. Para lela podedes premer nesta LIGAZÓN

26 de nov. de 2017

NIN UNHA MÁIS!!

A violencia de xénero non é cousa dun día. Son meses, semanas, anos... e pode que incluso unha vida! A parella non é a única vítima. Tamén viven neste entorno nenos que sofren esta violencia. 
Quizais, se non foramos tan cegos, se non foramos tan mudos, seriamos o suficientemente valentes para salvar unha vida. 
Premendo no enlace veredes o estupendo vídeo elaborado, co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, por alumnas e alumnos de 2º BAC da materia de Literatura galega do século XX (impartida por Rosa Alonso) do IES Xesús Taboada Chivite.


24 de nov. de 2017

"DECÁLOGO" DE CARMEN RIVERO. POEMA DE SENSIBILIZACIÓN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe, día 24 de novembro, ás 11:20, nas escaleiras da fachada principal do instituto, varios alumnos e profesores recitaron o poema "Decálogo", escrito pola nosa compañeira Carmen Rivero Gallego, nun acto de rexeitamento da violencia de xénero organizado polo grupo de traballo da biblioteca.

O poema, que pertence ao libro "Berce de peliqueiros", conta a historia dunha pintora asasinada pola súa parella cando os seus cadros comezaban a ser recoñecidos.

DECÁLOGO
("Mentres se neguen os dereitos humanos ás mulleres,
 en calquera parte do mundo, non pode haber xustiza nin paz.").
 Shirin Ebadi, Premio Nobel da Paz.


 Pintaba cadros no seu maxín:
fermosos amenceres
con soles de marmelo,
 cachoeiras de auga transparente
en mundos que a invitaban a fuxir.
Non somos invisibles.

Algunha vez tentou pintar no lenzo,
imitando  a  Sorolla,
corpos espidos nunha praia deserta;
mais roxe o trebón:
-¡Deixa de facer o parvo e limpa a casa!
Non somos escravas de ninguén.

A tristura  esvaece por un intre o seu  desexo.
Agocha o  lenzo e  os pinceis.
Só a lúa,  muda testemuña,
alumea  en silencio os  seus temores
 para   que pinte cando o mundo dorme,
enchendo de calor a  vida fría
 con fermosos soles caribeños.
Temos dereito a facer realidade os nosos soños.

Mestura con mestría as cores
como faría o xenio de Kandinsky;
ao lonxe soa un blues nostálxico.
 Abstraída ,vai tecendo  pinceladas,
 iluminando o seu mundo gris
con  trazos harmoniosos e  radiantes .
Somos valiosas .

Tenta amosar ao mundo a súa obra:
fermosos amenceres,
 solpores soñadores,
nenúfares nadando en estanques verdes ,  
rostros  con sorriso infinito
de etéreas madonas ;
  un  marmóreo kuros grego
 que semella esculpido
polo gran mestre Miguel Anxo.
  Non é posible..., brama a fera:
-“¡O teu  traballo está  aquí, fai a comida!!”
               As tarefas do fogar deben ser compartidas.

 Bágoas  amargas asolagan
o anteface morado dos seus ollos ,
 abafando por un intre a súa teima;
pero o xenio que leva dentro rebélase con brío,
para facerlle fronte ao verdugo e á inxustiza.
 Non  ha de perder o único  paraíso que lle queda.
Sen medo  orde un plan, mentres cociña.
Somos donas do noso destino.

No xornal aparece esta noticia:
“Na Galería Van Gogh terá lugar esta tarde ás 18 horas
a exposición  dunha artista novel.
Firma as súas obras co pseudónimo  de Frida.
Emprega unha técnica nova ,colorista e vivencial,
  que  amosa un fermoso mundo 
combinando a arte  natural coa abstracción”.
Os nosos méritos deben ser recoñecidos.

A exposición é un éxito rotundo.
Por vez primeira está feliz e satisfeita,
sentíndose querida e respectada.
Saborea os meles do triunfo,
ao ver a súa obra valorada.
Temos dereito a participar en tódalas esferas da vida.

 O seu xúbilo axiña se transforma
en inmensa tristura ao volver a casa:
O meniño está chorando...,
dende o televisor chega a monótona voz do comentarista:
“ Iniesta  toca o balón e pasa a Villa....”
Estrala de novo a tormenta.
Volve  a negra realidade á súa vida:
-¿Son horas...?
Debemos ser tratadas sen violencia.

Está decidida a abandonalo todo
a ceibarse para sempre do pesado xugo.
 Fai a maleta coa alma e o corpo magoados,
sae silandeiramente  para sempre...

Mentres  soa a música doce dun piano bar....
resoan uns pasos na beirarrúa…
Un regueiro de sangue tingue de vermello o chan.
 Os soles abraiados póñense  para sempre  no ceo gris,
mentres que un lenzo  tétrico ,
co “Grito” de Munch  que ela detesta,
cobre a súa conciencia agonizante .
¡NUNCA MÁIS!!




Carmen Rivero Gallego.


19 de nov. de 2017

INTERESANTE ENTREVISTA A CRISTINA ASENJO (SONORO MAXÍN)

David Rodríguez Rivada, profesor de música do noso centro, fíxolle unha entrevista moi interesante a Cristina Asenjo, unha das Músicas galegas ilustradas por Laura Romero.

Boas tardes, Cristina, ante todo moitas grazas por acceder a facer esta entrevista. Este curso o Equipo de Dinamización da Língua Galega do noso IES (IES Xesús Taboada Chivite) adicou uns paneis (que estiveron expostos no noso Salón de actos dúas semanas) ás Músicas galegas ilustradas (proxecto de Laura Romero), e seleccionamos unha para cada avaliación. Contigo comezamos este periplo musical: 

Moitísimas grazas ao Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, ao alumnado e a David por esta entrevista. A verdade é que non estou acostumada a falar de min na música cunha perspectiva de xénero e faime moita ilusión. Quero agradecer que sigades o traballo de Laura Romero, que tivo a boa iniciativa de ilustrar as súas compañeiras. 

P. Cal é a túa traxectoria musical? En que grupos e que instrumentos tocaches?

R. O contacto coa música foi algo natural dende a miña nenez. Nacín nunha familia de músicos. Meu pai, tíos, tíos-avós, primos...son músicos.. Na miña familia, nas xuntanzas, tocamos e cantamos. Parte da miña familia traballou no circo como músicos, en orquestras, en bandas de música moderna. 
Eu comecei bailando música popular galega moi pequeniña. Na miña primeira actuación tiña 4 anos. Bailei no ballet folclórico Ourensano, en Asuada, na época do instituto onde recolliamos folclore e descubrín os traballos de campo, o contacto coas verdadeiras cantadoras e bailadoras.  Fun profesora de pandeireta e canto na Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense e dirixín o grupo Lembranzas-Solpor. 

Acordeonista de Lamatumbá, e teclista en grupos como Tristetto, Agent V, Ondas Martenot, Cañita Brava ( ;) ),
actualmente toco o acordeón no Puto Coro do Exército Froilanista, en O Sonoro Maxín e o Trío Motobomba. Canto e toco a pandeireta coas Daminificadas. Un non parar !

P. Cal é a canción á que máis agarimo lle tes do teu anterior grupo e por que?

R. Licor Café de Lamatumbá. Pola coralidade da canción, os cantos e bailes da xente, a euforia e rebumbio que provocaba. Sempre era moi ben acollida. Gústame moito escoitárllela ás charangas e ás orquestras. É unha canción ben bonita.


P. Cres que o feito de ser muller inflúe dalgún xeito (positiva ou negativamente) á hora de facer música? Dito doutro xeito: detectaches machismo no mundo da música?

R. Mulleres e homes temos as mesmas capacidades para facer, aprender ou escoitar música. No home e na muller funcionan do mesmo xeito o órgano auditivo, os músculos, temos o mesmo número de dedos, funciona igual o órgano fonador (aínda que produzamos sons de distintas alturas)… non hai ningunha diferenza biolóxica que inflúa para participar da música.

Hai unha historia moi dura na relación que as mulleres poidemos ter coa música na historia da humanidade. 
O patriarcado sempre impediu e enrevesou a través de leis, concilios, dogmas, normas, costumes que a muller gozara ou fixera música dun xeito libre. Proibiron, coaccionaron, impediron e minguaron as posibilidades musicais das mulleres. En tódolas modalidades: escoitar, interpretar música, estudar ou ensinar música, cantar, bailar, compoñer. 


No mundo existe o machismo e no mundo da música tamén. Pero falar do mundo da música é moi amplo.  Dentro da música cada unha vive en diferentes micromundos musicais... 

No meu mundo, que maioritariamente é o mundo dos festivais en Galiza e das salas de concertos, non hai grandes diferenzas de trato entre unha muller música e un home músico. Atopas alguén machista no mundo da música coma no mundo da compra, do ocio ou no traballo. 

No meu grupo eu son a única muller. Sempre me sentín tratada como unha persoa sen que me distinguiran polo meu sexo. Meus compañeiros son defensores dos dereitos das mulleres non só na música, tamén nas súas vidas, o que sempre posibilitou unha situación de igualdade no grupo e facilidade de trato. 

Actualmente as mulleres comezamos a participar e estamos presentes na música en case tódolos ámbitos, xéneros e estilos musicais. 

O incremento de mulleres estudantes de todo tipo de instrumentos é abraiante. Agrupacións só de mulleres, mulleres instrumentistas en grupos masculinos (non só como cantantes…), orquestras de mulleres, mulleres compositoras, etc..

Porén, hai eidos ós que resulta aínda difícil chegar, postos superiores como produtoras, directoras, críticas musicais, organizadoras de festivais...


P. Cales son as motivacións que che levaron a formar parte de O sonoro maxín?

R. Seguir tocando as cancións de Ico ( cantante e compositor) cos meus compañeiros. A comodidade e familiaridade do grupo. 

P. Tes algunha anécdota especialmente graciosa ou divertida que nos poidas contar?

R. Moitísimas… Estabamos en pleno concerto nunha sala moi mítica de Alemaña, onde todas e todos bailaban un montón pero con movementos descoordinados, arrítmicos convulsivos, ninguén ía con ninguén, era grimosamente verdade... cando de repente, din algo en alemán e aparece un home espasmódico dicindo que  paremos de tocar. 

Mentres nos mandaban parar a  sala quedou desaloxada e sen un alma en 10 segundos. 
Paramos de tocar e diríxennos ao camerino, onde nos contan que o chan da sala furara. Abrira o chan cun burato enorme. 
Recollimos os bártulos con máximo coidado e desaloxamos entre policía e demais prevención. 

Quedamos moi chafadas, pois estaba a ser un concerto moi chulo e non o puidemos rematar, pero está claro que esa forma de bailar tiña que provocar algún mal... Hahaha

P. Que é o mellor de actuar en público para ti?

R. Compartir con xente momentos de troula cantando e bailando.  O Sonoro Maxín ten o mellor público que pode ter un grupo. Sempre veñen dispostas a pasalo ben, a bailar. Non teñen prexuízos, son capaces de facer momentos especiais e inolvidabeis para nós.  Gosto moito de interactuar co público que realmente non son público, son a extensión do escenario. Estamos todas e todos ao mesmo pero unhas tocamos e outras non. 


P. Que che parece o máis duro?

R. Ser música é unha actividade itinerante. Sempre hai que desprazarse para tocar. Quizais duros son o desprazamentos e o tempo que transcorre entre que fas a proba de son e tocas no concerto.  Nós tocamos en festivais e na maioría das veces pechamos os festivais ou imos nos postos finais.  As probas de son fanse ao revés que tocan os grupos, é dicir, os últimos proban de primeiros, os penúltimos proban de segundo… e claro, pasa moito tempo. 



P. Cales son as 2 cancións que máis che gustan do teu grupo actual?

R. Son fan de Ico e sempre me sentín afortunada de participar  nas súas cancións. Gústanme todas pero posta a escoller, gústame tocar Máquina a vapor e Así se constrúe unha bomba, e en directo un Mix que facemos de cumbias enganchadas. 


P. Cres que a mocidade galega coñece e consume a música que os grupos como o teu interpretades?

R. Non. A maioría pode coñecer pero non consumir. Eu son profesora de música nun IES e podo dicir que  non chegan a un 10% as ou os que consumen esta música. 


P. Que medidas consideras que se poderían adoptar para ampliar a recepción da vosa música?

R. Medidas que leven á normalización da nosa lingua e da nosa música.  Medidas que lle deran presenza nos currículums de música en calquera nivel educativo, a presenza en medios de comunicación, na radio galega, na Tvg, nos xornais… Non hai estilo musical que non se axeite á nosa lingua. A lírica da nosa lingua está máis que demostrada xa en moitos estilos como o  potente hip-hop galego. 


P. Por que en galego?

R. É a nosa lingua. O sonoro Maxín está moi definido polas súas declaracións de amor a Ourense. Non temos lingua mellor que a nosa.

P. Por que o acordeón?

R. O acordeón é desas cousas que pasan na vida así insospeitadamente. Eu era fan de Lamatumbá. Buscaban un acordeonista e anoteime eu. Nunca na vida o tocara, mais o seu son non era descoñecido para min, pois meu pai é acordeonista. Presenteime a un ensaio e alí quedei. O primeiro día toquei unha nota, o segundo dúas….e así é que toco o acordeón ata agora. Boteille bemoles e saiu a cousa xenial! Idade 27 anos. Para que vos animedes e saibades que nunca é tarde


P. Ademais de instrumentista es profesora de Música en ensinanzas medias. Como describirías a actual situación da túa materia no sistema educativo?

R. Teño unha sensación de fracaso e debilidade da música como materia no sistema educativo. A redución de horas, o absurdo do currículum, a escasa adaptación da educación musical aos medios tecnolóxicos, as diferentes necesidades do alumnado… 

P. Cales son para ti as principais dificultades coas que se atopa hoxe en día alguén que queira adicarse á música?

R. Depende no ámbito que queira exercer terá unhas dificultades ou outras, e de distintas envergaduras. Acho que non é mesmo se queres ser directora de orquestra, profesora de música en ensino medio ou compoñente dun grupo funki.


P. Que lugar cres que ten a música galega no panorama actual? (Non nos referimos á música popular tradicional senón á música popular urbana)

R. Está medrando polo pulo de músicas e músicos que tocan cada vez máis e mellor. A música galega conta con case tódolos xéneros musicais: hai blues, rock and roll, cumbias, hip-hop, swing, punk… O que non hai son espazos para que actuar. Son escasos os medios de comunicación que divulguen os traballos e  dean a coñecer grupos. E a medida que vas subindo escadas  o panorama é desolador. Non existe unha industria musical galega nin recoñecemento oficial e político da cultura musical.


P. Cales son os vosos próximos concertos, proxectos etc?

R.  Os próximos concertos serán en Ourense na Gala do Cancro da Asociación de Cancro. O día 29 de Decembro na sala El Pueblo e  o día 30 de decembro no Auriense. No inverno aproveitamos para ensaiar e variar os concertos. Comezaremos en Febreiro tocando no entroido en Xinzo e iniciaremos unha xira polas salas de Galiza. 


Moitísimas grazas pola túa amabilidade e pola vosa laboura no eido da música. Deica logo.

Moitas grazas a vós. Apertas para todos. Viva Verín!

16 de nov. de 2017

HOXE NA BIBLIOTECA DO CENTRO ESTÁS A SER ATENDIDO EN GALEGO

Ao longo desta semana, na biblioteca do centro estamos a ser atendidos nos distintos idiomas que se imparten no centro.
O luns falouse  en Inglés, o martes en Francés, o mércores en Castelán, hoxe fálase en GALEGO e mañá tócalle a quenda ao Portugués.

15 de nov. de 2017

AS ACTIVIDADES AUDIOVISUAIS DO SAMAÍN NO PORTAL DA LINGUA GALEGA

As tres actividades audiovisuais realizadas para celebrar o Samaín: "O Conxuro das meigas do Chivite", "Non é serio este cemiterio e "O concurso de coreografías de Thriller en galego" aparecen publicadas no PORTAL DA LINGUA GALEGA

14 de nov. de 2017

OS TITORANDOS DO PROGRAMA TEI VALORAN AS PRIMEIRAS SESIÓNS

Agora tócalle a quenda aos titorandos, tres alumnas de 1º ESO analizan o programa TEI:

Brunna Feitosa Dias 1º ESO B


Paréceme que o programa TEI é algo moi beneficioso para todos nós, xa que podemos contar en todo momento con outra persoa que estará disposta a axudarnos a resolver calquera tipo de problema que poidamos ter; xa que esta persoa ten unha certa experiencia no centro, que nós todavía non logramos acadar.

En canto a miña titora non a coñezo moi ben, pero parece moi simpática e espero que nun futuro non moi lonxano, cheguemos a ser unhas boas amigas.

Noemí Martínez Lamas 1º ESO C

Creo que o programa TEI é unha boa idea porque pode axudar a que non teñas problemas, a facer amigos, a coñecer o instituto...Ademais o titor pode ser un novo amigo/a e unha gran axuda neste primeiro ano.

Yaiza Yaquibell Mendoza Mariño 1º ESO C

O programa TEI paréceme moi importante porque se teño algún problema podo falalo co meu titor e tamén fago amigos en 3º ESO.

13 de nov. de 2017

DESEÑO DO ENVASE DUN PRODUTO FEITO CON CASTAÑAS

Alumnos de 3º ESO e de 1º BAC deseñaron o envase dun produto feito con castañas.




Primeiro elixiron un produto (marmelada, crema, mousse, cervexa, paté, galletas, fariña, licor...) elaborado con castañas. A continuación inventaron un nome e fixeron unha etiqueta na que aparecesen os seguintes datos: data de envasado, caducidade, forma de conservación, ingredientes e información nutricional). Por último deseñaron e montaron un envase con diferentes materiais. Completaron o seu traballo escribindo no envase un texto breve, que incitase a compralo ou a consumilo. Estes envases están expostos na entrada do centro e ao lado da sala de profesores do segundo andar.

O LÉXICO DO MAGOSTO

Grazas aos alumnos de 2º ESO, ao longo desta semana aprenderemos novas palabras relacionadas coas castañas e o magosto.


Sobre un dos taboleiros do instituto, locen vistosas unha chea de castañas sobre fondo amarelo. Cada castaña leva un termo coa súa definición.

9 de nov. de 2017

OS TITORES DO PROGRAMA TEI VALORAN AS PRIMEIRAS SESIÓNS

A continuación catro alumnas titoras valoran as dúas primeiras sesións do programa TEI: "Acto de presentación titor-titorando" e "Coñéceo":


Lorena Rodríguez 3º ESO A:

Creo que o programa TEI é unha boa idea, xa que uns rapaces novos, que non saben nada sobre o funcionamiento do centro, poden ter a confianza de preguntarlle a uns compañeiros seus que nun pasado atopáronse na mesma situación ca eles. Ademais, penso que sempre é moito máis sinxelo contarlle unha preocupación ou un problema a unha persoa que a puido ter nun pasado antes que a calquera mestre. Por último penso que é unha boa forma de relacionarse e de aprender uns dos outros.
En canto a miña titorazada parece unha rapaza moi boa e agradable, espero que sexamos amigas axiña e que non teña temor algún a hora de contarme algunha das súas inquedanzas.

María Vega Pazos 3º ESO A: 

O día 30 de Octubro  foron a avisarnos  pola mañá , de que pola tarde íamos a coñecer ao nos@ titorand@ .
 Pola tarde , ao tocar o timbre , foi a buscarnos Eduardo  para baixar ao salón de actos . Alí estaban xa , os de primeiro sentados nas butacas e os de 3ºESO B nas escaleiras . Os de 3ºESO A sentámonos  ao lado dos de 3º da ESO e algún que había de 4º da ESO.
 Chegou Cesár e sentouse na mesa xunto con Aníbal e outra profesora . Cesár xunto con Aníbal deron unha charla duns dez minutos aproximadamente.
Minutos antes de saber quen era o meu tuturando ou a miña tutoranda . A miña cabeza estaba pensando : serei unha boa tutora??? , será unha persoas con problemas ??? , dareino levar a cabo???....
Primeiro ,  empezaron cos de 3º ESO B , “que nervios xa se acerca o momento “ pensaba a miña cabeza.
Por fín , chegou o momento , fun a primeira da miña clase en saber quen era . Chámase Alba , ben ,  xa sabía algo dela.Déronme un diploma e o carné de tutora. Ao acabar de decir os de todos , deixáronnos un rato para falar cós nosos tutorandos.
Despois, dun rato falando con Alba , coñecín un pouco máis dela.Paréceme unha boa rapaza estou contenta e quen me tocou e intentareinno facer o mellor posible.

María Pérez Luis 3º ESO A:

O luns día  30 de outubro acudimos ao salón de actos para coñecer ao noso titorando. Estaba moi nerviosa por saber quen me ía tocar; é dicir, a quen ía apoiar nos momentos difíciles para el ou ela. 
 Cando dixeron o meu nome e o da compañeira saudámonos e otorgáronme un diploma e un carné de titora. A continuación sentámonos e charlamos para presentarnos un pouco e coñecernos mellor. Ela sabe que pode confiar en min e contarme se lle ocorre algo malo.
 A experiencia, de momento, parece moi gratificante e fainos madurar e saber enfrentarnos a futuros problemas da vida.

Sheila Alves Nuñez 3º ESO B:

Esta primeira toma de contacto pareceume bastante boa. Axudoume moito a coñecer a miña titorizada. Ela, a pesar de ser tímida, comentoume onde vivía, se tiña irmás...Eu tamén lle contei cousas miñas. Penso que me portei ben con ela.
Tamén falei con outros alumnos titorizados polos meus compañeiros.

8 de nov. de 2017

II CONCURSO ESCOLAR DE DEBUXO E REDACCIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

As mulleres foron e son vitais no mundo da ciencia.
Que descubrimentos científicos fixeron Hipatia de Alejandría, Bárbara McClintock, Rosalind Franklind, Jane Goodald, Jocelyn Bell, Lisa Meitner...?
En que campo da ciencia traballan as seguintes mulleres: Vanesa Valdeiglesias García, Sonia Villapol Salgado, Alicia Estévez Toranzo, Gloria Revilla López...,  que cos seus traballos de investigación contribúen a mellorar as nosas vidas?.
Hai  algunha muller científica na comarca de Verín ?. E na túa familia?
Indaga sobre o tema e anímate a participar no concurso sobre "As Mulleres e a Ciencia" organizado pola Universidade de Vigo.

Só tes que realizar un debuxo ou unha redacción sobre o papel das mulleres na ciencia.
Para consultar as bases do concurso preme na seguinte LIGAZÓN

7 de nov. de 2017

"SOUTO DA TRABE". PRODUTOS DE CASTAÑAS ECOLÓXICAS


Os alumnos de 4º ESO B, dirixidos pola súa titora Paula Páramo Méndez, redactaron un artigo no que analizan a cadea alimentaria e o valor nutricional de catro produtos elaborados con castañas ecolóxicas pola empresa "Souto da Trabe": 

- Castañas en xarope 
- Marmelada de castañas
- Crema de castañas con boletus 
- Crema de castaña con chocolate.

É un proxecto de dúas irmás da aldea da Trabe, no concello de Vilardevós, que converteron o aproveitamento familiar das castañas nunha empresa agroalimentaria, que transforma o produto para vendelo en tendas "gourmet" de toda España.

Podes ler o artigo premendo na seguinte LIGAZÓN




O POEMA DO POLBO

 Debuxo e poema de Aarón Castro Montecid de 2º ESO A


O polbo encarnado
camuflado entre o mar ondulado
parecendo cabelos desenredados

escondido e preso como
as raíces dunha árbore
mirando e pensando
"onde estará aquel paxaro"
que deixou as súas plumas navegando 
como un barco varado.

4 de nov. de 2017

EN MARCHA A FASE GALEGA DA IX OLIMPÍADA DE XEOLOXÍA!



A IX Olimpíada de Xeoloxía é una actividade convocada pola AEPECT (Asociación Española para la Enseñanza da Ciencias de la Tierra), a Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos.
Nesta edición da Fase Galega patrocinan e colaboran a Facultade de Bioloxía de Santiago, Escola Politécnica Superior de Lugo, E.T.S.E de Minas de Vigo e Facultade de Ciencias de Ourense e as probas realizaranse simultaneamente nestas catro sedes.
Para obter máis información sobre as bases da convocatoria podedes premer na seguinte LIGAZÓN

3 de nov. de 2017

RELATOS GAÑADORES SAMAÍN 2017

Se queredes tremer de medo cos relatos gañadores do concurso Samaín 2017, podedes premer na seguinte LIGAZÓN


Os autores dos relatos son:


LIGAZÓN

2 de nov. de 2017

CONSTRÚE UN COMPÁS SIMPLE CUNHA AGULLA, UN IMÁN E UNHA CORTIZA

O 4 de novembro celébrase o VIII día da Ciencia en Galego. Este ano adícase as viaxes científicas. Unha das actividades propostas desde Igaciencia, para conmemorar este día, é construir un compás sinxelo como fixeron os chineses para saber onde está o norte en calquera situación, de día ou de noite. Este invento representou un paso de xigante nas comunicacións marítimas e terrestres. Só precisas unha agulla, un imán é unha cortiza.

Se queres saber como construílo, preme na seguinte LIGAZÓN

31 de out. de 2017

ACTO DE PRESENTACIÓN DAS PARELLAS DO PROGRAMA TEI 2017-2018

Onte 30 de outubro, ás 16:40,  púxose en marcha o "PROGRAMA TEI" (Titoría Entre Iguais) co acto de presentación das parellas alumno/a titor-alumno/a titorizado.
Este programa está deseñado como unha medida preventiva contra a violencia e o acoso escolar. Os/as alumnos/as de terceiro curso de secundaria titorizarán aos de primeiro.
Previamente tiveron lugar varias sesións informativas para o alumnado titorizado, o alumnado titor e as familias. Nestas sesións explicáronse as características do programa, os obxectivos, o procedemento de intervención e o calendario de actividades.




29 de out. de 2017

A TECEDORA DE SOÑOS NA VIII EDICIÓN DO FESTIVAL DE TEATRO ENTRE CULTURAS


O pasado venres 27 de outubro, ás 20:30, tivemos ocasión de ver actuar o grupo de teatro do noso instituto, A Tecedora de Soños, no Auditorio de Verín, dentro da oitava edición do Festival de Teatro ENTRE CULTURAS organizado por La Caja de Pandora.
Ademais dunha adaptación moi orixinal da LISÍSTRATA de Aristófanes, realizada polos profesores de Latín e Grego (Sonia Sanz e Daniel García), o grupo dirixido por Elisa Vilela e Sonia Sanz interpretou en galego catro cadros de Alonso de Santos: UNHA CUESTIÓN DE HONOR, SINCERIDADE, CARTA DE AMOR A SARA E UN BOCADILLO DE MIÚDOS.
A interpretación de todo o elenco foi excelente e moi aplaudida polo numeroso público asistente.
Esta foi a derradeira actuación de parte do alumnado coa Tecedora de Soños, dado que algúns actores e actrices están en 2º de Bacharelato e ese duro curso académico non lles vai permitir seguir cos ensaios, e outros comezan o seu primeiro curso universitario. Botarémolos moito de menos, mais sabemos que o teatro sempre seguirá con eles.
Longa vida ó teatro!!!!!!!!